Esta Agrupación de acordeóns ten a súa orixe no ano 1985, ano no que se fundou, na capital ourensana, baixo a dirección de Daniel Rodríguez Meiriño, o quinteto O'Kelly's. Dende a súa creación, o grupo troca varias veces de componentes ata chegar ós cinco intérpretes con que conta na actualidade.
Participa en varios eventos culturais por toda a provincia: "Venres do Verán" de Ourense, "Os Mércores do Mosteiro" de Celanova, compaxinando estas actividades con aparicións en medios televisivos: TVG e TVE-Galicia.
A partires do ano 1991, comenza a asistir a certames por todo o territorio español: Madrid, Santander, Albacete..., obtendo en todos eles grandes resultados. Gracias ó traballo desenrolado, fundamentalmente por Daniel Rodríguez, conséguese que a organización do XXXV Certame Nacional de Acordeón , no que se elexiría o novo campeón de España, se poida levar a cabo en Ourense. O Grupo resposta e, como consecuencia, acádase o Título de Campeóns de España 1992.
A partires do ano 1992, o acordeón é recoñecido como asignatura no Conservatorio Profesional de Música de Ourense, e o Grupo é absorbido por él, trocando o seu nome a "Grupo de Acordeóns de Conservatorio de Ourense".
Entre setembro de 1996 e marzo de 1997 grábase o disco "Brisas do Miño".
Anos despois o grupo sofre unha transformación notable pasando a converterse nun trío: "Meiriño Acordeón Trío". Segue a dinámica anterior e ofrece concertos por diversos municipios de toda Galicia. Aparece en programas de televisión como "Desde Galicia para el mundo". Nesta etapa o trío adáptase as necesidades que xorden na propia asignatura de acordeón no CPMO e xunto con outros alumnos constitúense varios tipos de formacións como sextetos, quintetos, etc, ata chegar incluso a tocar xunto cunha orquesta sinfónica.
No ano 2000 a agrupación acolle a outros músicos que enriquecen coa súa diversidade tímbrica a formación. Son o grupo Fol. “A caixa de Música”. O seu labor concéntrase na adaptación, desde unha nova perspectiva, de temas populares. Nese mesmo ano graban unha maqueta, que lles serve de carta de presentación en Venezuela, a onde viaxan para ofrecer unha xira de concertos.
Na súa incesante actividade empréndese un novo proxecto no ano 2002: a grabación dun traballo que ten como obxectivo a interacción entre a música cubana e a galega, como consecuencia da participación de músicos de Cuba e Galicia. Neste disco aparecen interpretados con estilo jazzístico temas populares da nosa terra, xunto con obras salientables do repertorio acordeonístico e cancións e ritmos cubanos.
O pasado Xuño, e coa incorporación de tres novos intérpretes, acadou o segundo premio no Certame Nacional de Acordeón 2004, celebrado en Celanova.
Finalmente o grupo queda constituido polos seguintes acordeonistas: Daniel Rodríguez Meiriño, Helena Sousa Estévez, Emma Fernández Alvar, Daniel Regueira e Gerardo Quintela Martínez.
